Wednesday 01 de May de 2024

Aprobados definitivamente os orzamentos de Frades para 2015, que ascenden a 1,89 millóns e destinan máis de 513.000 euros a investimentos


O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a aprobación definitiva dos orzamentos do Concello de Frades para 2015, xa que non se presentou alegación algunha durante o período de exposición pública. Deste xeito, os orzamentos de Frades para 2015 ascenderán a 1,895.293 euros e destinan 513.779 euros a investimentos reais.

Os gastos de persoal rexistran unha baixada ata os 433.864 euros, debido á próxima xubilación da Secretaria Municipal e pese a que se contempla o abono do 25% da paga extraordinaria do 2012. Os gastos correntes ascenden a 835.150 euros, o que supón un lixeiro incremento con respecto a 2014 debido á asunción dos gastos de xestión da nova depuradora de Ponte Carreira (que a partir do vindeiro mes de maio pasará a mans do Concello de Frades) e por un plan de mellora dos locais sociais das parroquias.

No que atinxe ao capítulo de ingresos, o Concello de Frades non contempla ningún tipo de incremento de impostos nin taxas, polo que están previstos uns ingresos de 306.000 euros por impostos directos, 50.000 euros por impostos indirectos e 127.000 euros de taxas e prezos públicos. Finalmente, as transferencias correntes para 2015 ascenderán a 922.000 euros, mentres que as transferencias de capital serán de 490.293 euros.

Os orzamentos do Concello de Frades contemplaban tamén unha redacción da débeda financeira do 10,6% ao 5,23%, unha porcentaxe que pasará a cero logo da aprobación esta mesma semana da adhesión do Concello ao Plan de Amortización e Investimento da Deputación Provincial da Coruña, que permitirá amortizar os dous créditos bancarios pendentes na actualidade.